O Día das Letras Galegas de 2025 dedícaselle a un grupo moi especial: as cantareiras e á poesía popular oral. Centrando esta representación en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das pandeireteiras de Mens, da comarca de Malpica.

Estas mulleres, e moitas outras, entre cantigas e repenicos de pandeireta, gardaron durante décadas unha parte fundamental do noso patrimonio musical e oral. Grazas a elas, e á transmisión feita de xeración en xeración, seguen vivas moitas melodías que forman parte da nosa identidade colectiva. As súas voces, firmes e rebeldes, foron moito máis que música: foron compañía, foron espazo de liberdade, foron ferramenta de resistencia cultural.
Reunirse a cantar nun fiadeiro era tamén unha forma de educar, de crear comunidade, de compartir coñecemento.
Fiadeiros que volven á vida nas aulas
Este mes de maio, dende As Curuxas queremos unirnos á homenaxe cun obradoiro especial: un xogo de rol participativo ambientado nun fiadeiro tradicional galego, pensado para alumnado de primaria e secundaria.
Xa fixemos unha proba o pasado 5 de abril e foi todo un éxito.

O obxectivo? Recuperar a esencia dos encontros veciñais de inverno, onde a música, a creatividade e o humor eran parte do cotián. O alumnado converterase en aspirantes a participar nun fiadeiro e, para conseguir un lugar na foliada, deberá superar probas relacionadas coa nosa cultura: recoñecer instrumentos, seguir ritmos, cantar cancións en galego, coñecer a roupa tradicional… todo nun ambiente lúdico e cooperativo.
Que valores traballamos con esta proposta?
- Identidade cultural: recoñecendo a riqueza da tradición oral e musical galega.
- Igualdade de xénero: poñendo en valor o papel das mulleres como transmisoras de saber.
- Creatividade e expresión oral: a través do xogo, a dramatización e a música.
- Educación emocional e en valores: desde a convivencia, o respecto e a diversidade.
Pensado para:
- Grupos de 4º a 6º de primaria ou 1º e 2º da ESO.
- Centros educativos, asociacións culturais, ANPAs…
- Adaptamos formato, duración e nivel segundo as necesidades do grupo.
Se queres máis información ou queres levalo ao teu centro, contacta connosco. Estaremos encantadas de colaborar para que esta data tan especial deixe pegada nas novas xeracións.
Este maio, deixemos que os ecos dos fiadeiros resoen nas aulas. Porque cantar tamén é lembrar, xogar tamén é educar.