Todo o mundo ten clara a importancia das matemáticas no ensino. Incluso o alumnado máis frustrado coa materia é consciente de que precisa ter unhas nocións básicas para a súa vida diaria. As matemáticas, polo tanto, son fundamentais para o desenvolvemento das competencias básicas do alumnado. Ao rematar a educación básica espérase que teñan adquirido un conxunto de coñecementos, habilidades e actitudes que faciliten a súa incorporación á vida adulta, pero que tamén lles permita seguir aprendendo ao longo da súa vida.
Cal é a finalidade da aprendizaxe matemática?
A finalidade das matemáticas na educación primaria é construír os cimentos do razoamento lóxico- matemático. Non só ensinar aos nenos/as a empregar os números e os símbolos matemáticos, é dicir, aprender a linguaxe matemática.
A educación matemática debería cumprir unha serie de funcións:
- Formativa: desenvolvendo nos nenos/as a capacidade de razoar.
- Instrumental: as matemáticas deben permitir que os nenos desempeñen mellor outras áreas do coñecemento.
- Funcional: o coñecemento matemático debe posibilitar a comprensión e resolución de problemas da vida cotiá.
Como se ensina iso?
O ensino das matemáticas busca que o alumnado sexa capaz de elaborar abstraccións matemáticas, observar propiedades, establecer relacións e resolver problemas concretos. Para conseguir todo isto non serve só con repetir exercicios dun libro, é preciso levar á aula situacións da vida dos nenos/as, que supoñan retos matemáticos atractivos, e habituarse ao uso de recursos e materiais didácticos para que poidan manipulalo.
Polo tanto, non se trata só de que o alumnado repita mecanicamente a linguaxe matemática dun dominio ou concepto, é dicir, que saiba escribir e resolver as operacións. Trátase de que comprendan o concepto, a través da manipulación de obxectos reais ou da simulacións de situacións reais, ser capaces de verbalizar ese concepto e transcribilo á linguaxe matemática. É certo que a automatización de estratexias é moi útil, e que axuda para isto a repetición de exercicios, pero só despois de que o neno/a comprenda o concepto.
Como sabemos se estamos polo bo camiño?
Para poder cumprir con estes obxectivos é imprescindible construír o pensamento matemático no alumnado, o que require ir desenvolvendo pouco a pouco as seguintes habilidades intelectuais
- Clasificación: é unha habilidade básica para poder construír conceptos matemáticos como os números e as súas operacións.
- Flexibilidade de pensamento: moi importante á hora de darse conta das equivalencias matemáticas, como se pode resolver un problema con diferentes operacións que “significan” o mesmo.
- Reversibilidade: necesaria para resolver problemas pero tamén para propolos.
- Estimación: dar unha idea aproximada da solución.
- Xeneralización: permite estender as relacións e estratexias matemáticas a outras áreas do coñecemento.
- Visualización espacial: permite situar obxectos no plano e no espazo.
- Representación e comunicación: permite confeccionar modelos e interpretar fenómenos físicos, sociais e matemáticos.
Consideras que o modelo de matemáticas que se aplica no teu entorno favorece todas estas habilidades? Se a resposta é non, como podemos mellorar a situación?
Na seguinte entrega deste artigo abordaremos diferentes estratexias e prácticas que deben practicarse na aula de matemáticas para poder garantir todo isto.