eva

Libro do mes 2: Para toda a vida

Na anterior edición do libro do mes falamos da novela 48 horas e desta volta traemos unha novela costumista que reflexiona moito sobre a emigración.

Presentación

  • Nome do libro: Para toda a vida
  • Nome do autor: Eva Moreda
  • Editorial: Aira editorial
  • Edición: 1ª edición
  • Páxinas: 141

Sobre o autor.

Eva Moreda naceu en 1981 en A Veiga (Asturias) pero mudouse a Ribadeo con 3 anos. Actualmente vive en Inglaterra e compaxina a súa labor de escritora coa de docente e investigadora de Musicoloxía na Universidade de Glasgow.

Comeza a publicar aos 16 anos, polo que ten unha lista de obras extensa. Conta con 8 obras narrativas en galego, a última de 2021. Tamén conta con cinco obras colaborativas en galego. Traballou en traducións e outros textos. Isto só en galego, posto que tamén conta con obra literaria en castelán e inglés.

Portada do libro Para toda a vida de Eva Moreda

De que trata a novela?

Resumir o argumento desta novela non é sinxelo. Non é pola complexidade da súa trama, máis ben ao revés. A novela presenta un fragmento da vida de Paula, que se atopa nun limbo vital entre continuar na emigración ou de retornar para a súa vila, e como ela constrúe as relacións co seu entorno nesta tesitura.

Opinión persoal

O primeiro que chama a atención deste libro é a forma na que está escrito. O relato preséntase coas características dunha historia oral, como se unha persoa nos narrara de primeira man a historia de Paula. Esta técnica está empregada cunha gran mestría por parte da autora, dotando ao libro dun certo intimismo.

É unha gran novela. Sen unha trama complexa ou sen un nó na historia que nos manteña en tensión, a autora consegue manter a atención do lector. A historia presenta o día a día de Paula, desde que volve de Reino Unido a pasar unhas vacacións, lle morre o pai e decide quedar. A trama xira arredor das relacións afectivas que constrúe a protagonista desde a súa chegada tanto coa xente da vila como coa xente de Reino Unido.

Dáselle moito peso a relación que ten a protagonista coa súa nai. Unha relación dominada pola incomprensión xerada por ser dúas persoas que viven tempos diferentes. Hai unha grande contraposición no xeito que ambas viven e entenden a vida. A nai medrou nunha época na que a estabilidade económica estaba moito máis asegurada, o que facilitaba a estabilidade familiar e vital.

Paula medra nunha xeración onde a estabilidade económica é unha rara avis. Ter estudos ou unha boa formación non asegura ter un bo futuro laboral e a precariedade laboral é a norma nos empregos aos que poden acceder. A consecuencia directa disto é unha gran dificultade para formar relacións sólidas que permitan ter unha estabilidade á hora de formar unha parella ou unha familia.

Persoalmente, non conseguimos empatizar coa protagonista pero consideramos que todas as sensacións de malestar que nos producía a súa actitude ante determinados asuntos é unha consecuencia do ben escrita que está a obra. A autora crea un relato no que te obriga a formar parte e vivir as sensacións que Paula xera, para ben ou para mal.

*A imaxe que empregamos obtivémola de El Progreso de Lugo

Máis artigos

Deixa un comentario