O libro do mes: Agosto do 36

O libro do mes 4: agosto do 36

Presentación

  • Nome do libro: Agosto do 36
  • Nome do autor: Xosé Fernández Ferreiro:
  • Editorial: Xerais
  • Edición: 3ª edición
  • Páxinas: 141

Sobre o autor

Xosé Fernández nace en Nogueira de Ramuín, Ourense en 1931. Membro do grupo literario Brais Pinto, comezou como escritor na década dos anos cincuenta, primeiro coa poesía e logo traballou a novela, estilo máis cultivado. Traballou en múltiples periódicos e gañou o premio Galicia de Periodismo en 1985, coa novela que hoxe traemos – Agosto do 36- gañou o premio Xerais en 1991, tamén o premio Antón Losada Diéguez no 2000 coa súa obra O atentado e foille concedida a Letra E en 2003 pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Autor de case unha vintena de títulos faleceu no ano 2015 na Coruña con 84 anos.

Portada do libro Agosto do 36 de Xosé Fernández Ferreiro

De que trata a novela?

Novela histórica, baseada nun feito real, narra un asasinato realizado nos primeiros días da Guerra Civil.

A novela trátase dunha crónica, onde se relata a historia dun “paseo” que se perpetrou no mes de agosto de 1936. Os feitos tiveron lugar en Abades, unha pequena aldea da provincia de Ourense, tralo golpe de estado ao goberno da república. Trátase dunha narración na que se describen os días anteriores ao asasinato con minuciosos detalles e describindo todos os sentimentos que lle xurdían a cada un dos personaxes. Os protagonistas da historia son un matrimonio de mestres, Dona Sara e Gregorio.

Opinión persoal

Dende a primeira páxina de Agosto do 36 somos consciente do desenlace da novela, pero isto non lle fai de menos á historia. Xa que, como lectores deste libro, precisamos entender e saber como se argallou toda a trama e as razóns tan dramáticas de tal desenlace. A maneira coa que o autor narra a historia fai que nos leve a pensar que o final vai ser moi distinto do esperado, faise unha lectura fluída e interesante.

O narrador vai relatando a historia dende o vivido e escoitado e trasládanos o medo que viviu nas súas propias carnes. Describe delicadamente os diferentes espazos onde se desenvolve a historia, de maneira que seríamos capaces de imaxinarnos neles.

Percíbense moitos sentimentos encontrados. A carraxe e o rancor son os piares ao redor dos que xira este tráxico suceso. Co escudo das ideoloxías políticas e da moralidade cristiá por bandeira, xustifícanse e perpétranse diversas accións que en realidade non son máis que o desenlace de diversas leas e desencontros entre dúas familias; os Xirandón e os do Garabís.

Sabido é, que as novelas de Xosé Fernández son dominadas pola fatalidade e a traxedia. Esta, cun título tan revelador non podía ser menos. Na nosa opinión persoal é unha novela moi ben narrada e enfiada, pero a súa historia faise amarga e hai capítulos difíciles de dixerir, nos que como mulleres empatizamos e sentímonos como moedas de cambio dos enfrontamentos bélicos.

Libros do mes anteriores: 48 horas, Para toda a vida e Os nenos da variola.

Máis artigos

Deixa un comentario