a imaxe pertence ao medio Dende a Limia

Libro do mes: 48 horas

Xa sabedes que n’As Curuxas cremos que ler é moi importante, por iso imos recomendar lecturas que a nós nos fixeron gozar. O libro deste mes é 48 horas

  1. Presentación
    1. Nome do libro: 48 horas
    1. Nome do autor: Cándido Paniagua Pousa
    1. Editorial: Xerais
    1. Edición: 3ª edición
    1. Páxinas: 210
  • Sobre o autor.

Cándido Paniagua naceu en 1992 en Xinzo de Limia, podemos dicir que é veciño. Actualmente, compaxina o seu traballo de profesor de Lingua Galega en institutos coa redacción da súa tese, que trata da linguaxe dixital. Ademais de todo isto, aínda saca tempo para escribir novelas.

A súa primeira novela foi Caderno de erros, unha novela negra moi interesante da que seguro falaremos outro día. Porén, a novela que nos trae hoxe aquí é 48 horas, a súa segunda obra. A pesar de ser a súa segunda novela, é a primeira que escribe pensando nun público adolescente, entre 13 e 17 anos.

Remarcar, que a pesar de que nós saímos dese rango de idade, con ampla soltura, cremos que é unha novela fantástica para o público adulto que busque algo lixeiro e rápido.

  • De que trata a novela?

Continuando coa marca persoal do autor, estamos ante unha novela de misterio. A premisa inicial deste libro é un traballo audiovisual para a materia de Historia que remata coa desaparición de un dos estudantes.

Ao longo das súas páxinas acompañaremos ás personaxes nas súas peripecias na investigación da desaparición de Lois. Xa adiantamos que hai dúas liñas de investigación, unha levada a cabo pola policía e outra levada a cabo, en segredo, por un dos amigos da vítima.

  • Opinión persoal

Hai unha coralidade nas personaxes que se agradece moito. Non hai un único protagonista, senón que hai diferentes tramas que conflúen e conviven en completa harmonía. Permítenos abordar unha mesma problemática desde varios puntos de vista. Ademais, é de admirar que as personaxes non son planas e están ben construídas a pesar de ser unha novela curta.

Esa coralidade da que falamos antes permite que se traten diferentes temas, máis ala do misterio a resolver. Coidamos que o gran tema de fondo é dar a coñecer a comarca da Limia. Ao longo da investigación xorden toda unha serie de lendas arredor da Lagoa de Antela e as súas torres defensivas. O rei Artur e os templarios, a cidade asolagada de Antioquía, seres mitolóxicos… todos estes elementos están moi ben enfiados na trama para que pareza que o seu lugar sempre estivo aí. Outro tema que nos parece moi interesante son as relacións interpersoais. Ao longo da novela aparecen varios tipos de relacións: relacións de amizade, relacións de tipo amoroso que xorden e relacións amorosas que esmorecen a causa do machismo e a toxicidade. Moi interesante tratar estes temas cando a túa audiencia obxectivo son os adolescentes, que están a descubrir toda a complexidade deste tema. Por último, outra tema de fondo é son as redes sociais e a tea que tecen ao noso redor, levándonos a unha dependencia emocional cara elas. Como os likes poden malear a nosa personalidade para encaixar nun mundo virtual e totalmente irreal.

Outro aspecto positivo é a gran referencia que hai ás redes sociais e novas formas de socialización e expresión da xente máis nova. Cremos que isto fai que sexa moito máis ameno para os mozos e mozas a súa lectura e desfrute.

O único aspecto negativo que podemos salientar é que o final se nos fixo un pouco abrupto. A historia gustounos tanto que botamos en falta 30 follas máis.

En resumo, un libro que toda persoa moza da contorna debería ler. Ademais, temos un exemplar para emprestar na nosa biblioteca 🙂

*A imaxe que empregamos, obtivémola do medio Dende a Limia

Máis artigos

Deixa un comentario