Green and Red Handcrafted Personal Christmas Poster (Publicación de Instagram) (Báner de blog)

Reflexións sobre a maternidade, vista por nenos/as de 7 anos

Nun dos nosos campamentos oímos como rapaces duns 7 anos falaban entre si sobre que era moito mellor ser home que muller. Tanto tivo o xénero, nenos e nenas asentiron a esta afirmación. Non foi unha afirmación feita á lixeira, senón froito dun debate e unha exposición de argumentos. O maior argumento que esgrimiron foi que parir provocaba moitas dores. Os nenos sentían alivio de non ter que vivilo, as nenas pesar por ter que convivir con iso. Se o pensamos friamente, razón aos pequenos/as non lles falta. Nós non somos nais, mais é o que temos escoitado dos relatos das nais do noso entorno social.

Isto fainos pensar como todos nós, como sociedade, somos capaces de enfocar un mesmo tema con olladas ben diferentes. Temos escoitado falar aos nenos de motos, emocionarse co que corren e imaxinar en correr carreiras infrinxindo todo tipo de leis. Os adultos sabemos como pode rematar esa aventura e a dor que traería consigo. Porén, para os nenos este comportamento é sinónimo de valentía, de seres fortes e extraordinarios. É cando imaxinan a unha nai, imaxinan a unha persoa que sufre.

Percibir que só polo feito de ser muller van existir momentos de grande sufrimento que os homes non van ter que vivir, semella unha anguria que as nenas non deberían experimentar. Un sentimento que crea inseguridades e medos desde ben pequenas.

Entre os Dereitos da Infancia aparece o Dereito de protección. Os máis pequenos/as deben ser amparados de calquera abuso, violencia ou explotación. Nós reflexionamos sobre se é violencia que a sociedade lles transmita medos e inquedanzas e os obriguen a vivir con temor a un futuro que nin comprenden.

Chegará un día no que respectemos con enorme orgullo a todas esas nais e aos seus corpos, pola súa enorme resistencia e capacidade de xerar vida. Un día en que a idea de ser nai xere, entre os nenos e nenas, satisfacción e non medo.

Por certo, as crianzas de 7 anos dan moito de si porque tamén fixemos unha entrada no blog sobre as súas opinións sobre o galego.

Máis artigos

Deixa un comentario