Blog Banner for Website Content

Noite de Defuntos en Galicia: tradición, ritos e memoria

A noite do 31 de outubro ao 1 de novembro é, en Galicia, unha das datas máis cheas de simbolismo do noso calendario tradicional. É a noite das ánimas, o tempo no que, segundo a nosa cultura popular, o mundo dos vivos e dos mortos se achega, e cómpre manterse respectuoso, prudente… e tamén preparado.

Esta celebración, profundamente enraizada na tradición galega, recibiu nos últimos anos o nome de “Samaín”, nun intento de recoñecer as súas orixes celtas. Mais antes de falar de nomes, imos afondar no que se celebra, como o facemos e por que.

Unha festa de orixe ancestral

As orixes da noite de defuntos remóntanse ás celebracións solsticiais e agrarias dos pobos celtas. Para eles, o ano remataba nesta data, marcando a entrada na metade escura do ciclo anual. Crían que durante esta noite o mundo espiritual se abría paso no mundo dos vivos. Esta crenza non é exclusiva da cultura celta: moitas sociedades teñen rituais semellantes arredor desta época.

Co paso do tempo, o cristianismo adaptou esta celebración pagá e incorporouna ao seu calendario como a festividade de Todos os Santos (1 de novembro) e a Conmemoración dos Defuntos (2 de novembro). Galicia, como tantos outros lugares, conservou elementos de ambas tradicións, entrelazando o relixioso co popular, o solemne co máxico.

Ritos arredor do lume, da auga e da memoria

Na tradición galega, esta noite está marcada por unha serie de rituais que teñen como obxectivo honrar aos mortos, protexerse dos espíritos e conectar coa memoria ancestral.

As candeas acéndense en recordo das persoas falecidas da familia. A súa luz serve para guiarlle o camiño ás ánimas no seu retorno temporal ao mundo dos vivos. De feito, nalgunhas casas deixábase a mesa posta ou un anaco de pan para quen volvía por unha noite.

O lume e o fume tamén teñen un papel protagonista. As fogueiras, os fumazos e mesmo o uso do fume na corte ou nas leiras tiñan como obxectivo afastar o mal, protexer as colleitas e purificar. Nalgúns lugares falábase de “fumazos” máis que de lumeiras: queimábase leña verde para xerar moito fume protector.

A auga e o orballo adquiren tamén propiedades máxicas. Lavar a cara co orballo da noite de defuntos ou coa chamada “flor da auga” das fontes ao amencer, era un ritual para a saúde, a beleza e a protección contra o mal de ollo. A primeira auga que corre da fonte, aquela na que se reflicte o sol ao amencer, considérase especialmente poderosa.

As herbas de defuntos son outro elemento esencial. Recollidas o día anterior, déixanse toda a noite ao aire libre para recoller o orballo e lavarse con elas pola mañá. Herbas como o fiúncho, o romeu, a herba luísa ou a espadana mestúranse nun ritual de purificación e protección.

Os calacús, caveiras feitas tradicionalmente con nabos ou cabazas, colocábanse co fin de espantar os malos espíritos. A súa función non era festiva, senón simbólica: lembrar a morte, rir con ela e ao tempo, manter o medo a raia.

Os zonchos, son colares feitos nalgunhas zonas de Galicia con castañas cocidas. Lévanos os nenos e nenas da vila e ofrécenlle as castañas do colar aos veciños, por cada castaña que se come unha alma pasa do purgatorio ao ceo.

Foto de Apatrigal

Contos, lendas e seres máxicos

A noite de defuntos era tamén unha ocasión para contar historias: contos de medo, aparicións, mouras, lobishomes e ánimas en pena. Os máis vellos da aldea transmitían así a tradición oral ás novas xeracións, reforzando os lazos comunitarios e a memoria colectiva.

Nalgúns lugares, como nas terras da Limia, dicíase que esa noite se podían escoitar as campás da cidade asolagada de Antioquía. Noutros, como no Monte Neme ou na praia de Coiro, falábase de meigas reunidas en aquelarres, debatendo que facer cos vivos.

Samaín ou defuntos?

O termo “Samaín”, de orixe celta, comezou a empregarse en Galicia nas últimas décadas, impulsado por escolas e institucións culturais que buscaban unha alternativa galega ao Halloween. Se ben o nome non era tradicional, moitas das prácticas que se reivindican si o eran.

Chamémoslle Defuntos, Samaín ou Lume Novo, o importante é que Galicia conta cunha riqueza ritual e simbólica propia, que paga a pena coñecer, valorar e transmitir. Non precisamos importar celebracións alleas: temos a nosa propia noite máxica.

Un convite á reflexión e á memoria

A noite de defuntos non é só unha ocasión para disfrazarse ou decorar, senón unha oportunidade para falar da morte sen medo, recordar aos que xa non están e manter vivas as nosas tradicións.

Desde As Curuxas, traballamos todo o ano para traer a cultura, a ciencia, a historia e a identidade ao centro da aprendizaxe. E por iso tamén celebramos o día dos defuntos: como un tempo de recoñecemento, de contos, de preguntas e de lume no medio da escuridade

Máis artigos

Deixa un comentario