A primavera sempre tivo algo máxico: o frío retírase, os días medran, e a natureza esperta con forza. En Galicia, esa enerxía transformouse nunha festa única e chea de simbolismo: Os Maios.
1. Orixe dunha tradición milenaria
A festa dos Maios non naceu onte nin hai cen anos. Ten unha orixe que se perde nos tempos máis antigos e que nos conecta coas culturas celtas e romanas:
- Beltaine, a festividade celta que celebraba o comezo do verán pastoral, con lume purificador e rituais de fertilidade.
- Os romanos, que adoraban a deusa Maia (nai de Mercurio), asociada á primavera, á saúde e á fertilidade. A ela se dedicaba o mes de maio.
- O cristianismo, como fixo con outras festas pagás, asimilou esta celebración, vencellándoa á Santa Cruz e convertendo maio no mes da Virxe María.
Malia a censura de moitas destas prácticas —como a prohibición da entrada dos maios na catedral de Santiago no século XVIII— a tradición sobreviviu grazas á forza do pobo.
2. Que simboliza a festa dos Maios?
Esta festa é un ritual de renovación e esperanza. Celebramos:
- A chegada da primavera e da vida.
- O renacer da natureza logo do inverno.
- O inicio do ano agrícola, tan importante no mundo rural.
- A forza da comunidade e a expresión popular a través das coplas.
Como dicía Vicente Risco:
“A festa dos maios significa o reverdecer das prantas, o comezo do ano agrícola, a ledicia de ver erguerse o sol por riba do hourizonte e coller altura e forza.”
3. Como se celebra?
A celebración pode variar segundo a zona, pero mantén elementos comúns:
Maios figurados:

Imaxe obtida da web: villacovelo.es
- Estruturas en forma de cono ou pirámide, feitas con paus e recubertas de musgo, fiúncho, herba ou flor.
- Adórnanse con bugallos, ovos, laranxas, flores secas, cintas…
- Colócanse nunha padiola ou anda e levan coroas ou cruces no cumio.
- Algunhas vilas fan formas máis creativas: barcos, hórreos, cruceiros…
Maios humanos:

Imaxe de Enrique López Manzano obtida na web: ponferradahoy.com
- Persoas (xeralmente nenos/as) cubertas de vexetación, flores e follas.
- Nas versións máis antigas, podían escollerse a “Raíña do Maio” ou o “Rei do Maio”, que encabezaban o grupo.
Árbores e arcos floridos:
- Noutras zonas, ergueuse unha árbore de maio na praza (piñeiro, bidueiro…), decorada con cintas, silvas ou xestas.
- Tamén se colocan arcos cubertos de flores nos camiños ou entradas de casa.
4. Rituais e costumes paralelos
Ademais do maio en si, hai outros rituais que acompañan esta celebración:
- Pór pólas de xesta nas portas, carros, barcas ou coches como protección.
- Prender cacharelas nas leiras a noite do 30 de abril (ou 29) para purificar e protexer os campos.
- Alumealo pan ou as colleitas con fachos, pedindo boas sementeiras.
- Pedir o “aguinaldo” (hoxe en día, diñeiro; antes, castañas, noces ou lambetadas).
5. As coplas: a voz do pobo
Un dos elementos máis distintivos dos Maios son as coplas, cantadas arredor das figuras e ao ritmo de paus:
- Son estrofas curtas (normalmente de 4 versos).
- Hai coplas de presentación, de despedida, líricas, humorísticas ou satíricas.
- Moitas falan de temas da actualidade: crítica política, comentarios sociais, ou simplemente retranca sobre a vida na vila.
Exemplos:
A cantalo maio
señores aca vimos
e para cantalo
licencia pedimos
O preimerio de maio
alá pola tardiña
chegou o Patarro á casa
faltáballe unha galiña
San Roquiño nos liberte
de médicos e avogados
de caciques e usureiros
de putas e boticarios
Estas coplas, que tamén se imprimían e repartían, foron censuradas en distintas épocas pola súa carga crítica.
6. A evolución dunha tradición viva
Malia o seu fondo pagán, os Maios non desapareceron. Ao contrario:
- En lugares como Ourense, Pontevedra, Redondela ou Vilagarcía, a festa revive cada ano con forza.
- Os concursos de maios e coplas fomentan a participación de escolas, asociacións e veciños.
- En barrios como San Pedro (Compostela) ou San Martiño de Salcedo (Pontevedra), a festa foi recuperada pola comunidade con obradoiros e actividades escolares.
7. Por que seguir celebrando Os Maios?
Porque nos conecta co ciclo natural da vida.
Porque é memoria, expresión, arte e identidade.
Porque nos lembra que o pobo tamén ten voz, alegría e cultura.
Así que, este 1 ou 3 de maio, se ves un maio, unha copla ou unha coroa de flores…
Para un momento. Mira. Escoita.
Quizais esteas vendo séculos de historia florecer diante túa.
Para saber máis:
- Rafael Quintía, Para cantar veño eu!
- M.P. Lores Torre e X.C. Morgade, A Festa dos Maios en Pontevedra
- Artigos de Vicente Risco, Curros Enríquez, Álvaro Cunqueiro

