Como todos os anos fixemos o campamento de nadal, xa van 4 dende aquel primeiro ano. Todos son especiais dalgunha maneira, pero temos que recoñecer que este foi diferente. A situación sanitaria segue sen acompañar ao ocio, ao final a quen máis privamos de movementos e liberdade de expresión son aos nenos.
Esta situación fai complexo levar un campamento como nós aprendemos a facelos e a gozalos. Aínda que xa é o segundo campamento de Nadal en pandemia, levamos este con máis inseguridade e nerviosismo, coa necesidade de facer as cousas ben e asegurar, dentro do noso bo facer, boas prácticas encontra do COVID. A verdade, temos que recoñecer que xa estamos aburridas do xel, da temperatura, da distancia de seguridade e de todo ao que este bicho acompaña.
Dicir temos, que o tempo acompañounos e podemos correr e xogar no exterior, poder facelo en Nadal é case un privilexio. A temática deste ano foron as orixes destas datas. Tentamos trasladarlle aos rapaces os valores de xenerosidade e a responsabilidade que nestes días afloran e que nos acompañan todo o ano.
A actividade estrela foron as marionetas que fixemos con calcetíns, como se rían facéndoas falar e preguntándolles as dos seus compañeiros! Recordar como as súas gargalladas o inundan todo é marabilloso. Xa coñecedes os nosos luns de ciencia que nunca faltan nin fallan. Desta volta tivemos un experimento que lles encantou, o ataque químico de osos con vinagre e ata estivemos a comentar a formulación química. Toda educación cun bo recurso faise moito máis entretida.
Todo apunta a que esta situación acabe nuns meses, e nada nos faría máis felices que poder gozar cos nosos nenos, poder facernos cóxegas e que non existan abrazos cohibidos pola distancia de seguridade.
Por último, dar as gracias a todas as familias por confiar en nós, nada sería posible sen elas. Xa estamos comezando a preparar o campamento de verán, sempre coa mesma ilusión e agora coa esperanza de que a inocencia dos nenos cobre a liberdade que lles pertence.