A familia é moi importante por ser o primeiro entorno no que se desenvolve o neno/a. Nos últimos anos as unidades familiares experimentaron unha gran transformación por múltiples factores, polo que definila é complexa. Podemos dicir que a familia é o primeiro núcleo de convivencia para os nenos/as e o contexto máis importante no que se forxa o seu desenvolvemento emocional, persoal e social. Dentro dela constrúese a personalidade, xéranse fortes sentimentos de pertenza e establécense intensas relacións de intimidade, reciprocidade e dependencia e desta maneira transmítense normas e valores da sociedade.
O estilo de crianza dunha familia ven caracterizado polo afecto e polas normas de disciplina que se empregan con máis frecuencia. As combinación de ambos estilos fai que se poda clasificar os tipos de familias en:
- Democráticas
- Autoritarias
- Permisivas
- Neglixentes
O estilo educativo que cada familia emprega crea formas de interacción cos demais, as cales perdurarán nun futuro. Temos que ter en conta que estes modelos afectan pero non determinan nin marcan unha dirección, xa que existirán máis achegas e fontes de influencias. Tamén é complexo atopar estes estilos en estado puro, atopar familias que unicamente sigan pautas por exemplo do estilo permisivo.
As familias democráticas
Estas veñen representadas por presentan un afecto elevado e un control elevado: expresan cariño e afecto, fomentan a comunicación e a participación dentro da familia, establecen límites, existe coherencia e firmeza nas súas decisións e normas. Os fillos/as destes adoitan destacar por unha alta competencia social, por un apropiado autocontrol, autonomía e popularidade entre grupos de iguais.
As familias autoritarias
Defínense con un control elevado e un afecto baixo; danlle moita importancia ao respecto da autoridade, a obediencia antes que o razoamento, existe unha reafirmación do poder e adoitan exercer un control férreo a condutas non desexables. Os seus fillos/as adoitan ter baixas habilidades sociais, con autoestima baixa, así son nenos/as agresivos que empregan o castigo físico para impor a súa autoridade, poden ser rexeitados pola súa impulsividade e a súa falta de control.
As familias permisivas
Teñen unha alta cantidade de afecto e un control baixo. Estas conceden gran liberdade de acción, exercen un control escaso no cumprimento das normal, altos niveis de comunicación e afecto e non tratan de moldear a conduta dos pequenos. Os fillos/as destas familias non están acostumados á presión dos seus compañeiros/as e poden responder con agresividade, adoitan presentar unha personalidade alegre, optimista, extravertida, pero teñen baixo control dos impulsos pois non están acostumados a cumprir normas.
As familias neglixentes
Finalmente, temos ás neglixentes ou indiferentes, as cales presentan afecto baixo e baixo control: poñen poucos límites á conduta dos seus fillos e proporciónanlle pouco apoio emocional. Os seus fillos poden presentar un perfil máis problemático, non teñen modelos adecuados de referencia, teñen grandes problemas de autocontrol, non respectan as normas e presentan moi baixa autoestima.
Os estilos educativos, aínda que non son inmutables, presentan bastante estabilidade e os efectos da súa influencia permanecen en anos posteriores á infancia. Non debemos decantarnos pola optimización dun estilo fronte ao outro, nin por demonizar un destes estilos fronte os outros. Si que se debería de puntualizar que o afecto é necesario e que cando non existe supervisión, por parte das persoas responsables dos nenos/as, os comportamentos incontrolables saen á luz. Non atender a estas necesidades pode comprometer o desenvolvemento persoal do menor e establecer relacións que tomarán patróns negativos. Demostrouse que a expresividade emocional no entorno familiar favorece a sociabilidade de forma positiva e que un clima familiar bo produce unha mellor calidade nas relacións.
A pesar de todo o exposto non podemos pensar que a exclusividade no comportamento dos fillos a ten o estilo parental de relación no seo familiar. Hai que ter en conta que existen outros factores que tamén van a modular as relacións que se establecen. Factores como as características intraindividualidade, as relacións que se establezan entre irmáns, a influencia de adultos non familiares que se incorporan á vida dos nenos ao asistir a escolas infantís e centros de ensino. Non nos podemos esquecer tampouco dos elementos como a televisión, o móbil ou os valores culturais.