2 nenas xogando con un xogo de bloques de moitas cores

Xogar tamén é aprender: por que introducimos xogos nas nosas clases

Na nosa academia cremos firmemente que aprender non é incompatible con divertirse. Ao contrario: cando un neno ou nena se sente motivado, cómodo e implicado emocionalmente coa actividade, o proceso de aprendizaxe é máis eficaz e duradeiro. Isto está recollido en multitudes de libros sobre aprendizaxe e pedagoxía.

Por iso, de cando en vez —especialmente ao final dunha clase, despois dun esforzo grande ou nun día no que os rapaces veñen cansas ou tensos— introducimos xogos educativos ou de dinámicas sociais que forman parte do noso enfoque pedagóxico.

Pero… que aportan realmente os xogos no contexto educativo?

1. Melloran a motivación e o clima na aula

Un neno que se divirte mentres aprende quere volver. Os xogos axudan a reducir a ansiedade académica, favorecen a participación e fan que a experiencia de vir á academia sexa positiva.

Nas clases cos máis pequenos, por exemplo, serven para establecer vínculos afectivos coa mestra. Isto permite que a medio e longo prazo o desempeño sexa mellor. Para recoller unha boa colleita hai que ter boas sementes e a terra ben traballada.

2. Estimulan procesos cognitivos complexos

Non todos os xogos son só para “pasalo ben”. Moitos deles traballan:

  • A atención e concentración
  • O razoamento lóxico
  • A memoria
  • A toma de decisións
  • A creatividade e a flexibilidade mental

A maior parte dos xogos que temos na academia permiten e reforzar moitas áreas de aprendizaxe transversal. Por exemplo, un xogo tan sinxelo como o Pelusas permite traballar o cálculo mental e a impulsividade. Nós empregámolo moito cando temos algún neno ou nena con TDHA, para aprender a controlar a frustación e os impulsos. Algo moi útil para, por exemplo, loiten contra o impulso de deixar parte dun exame sen contestar porque se saturaron. Fai tempo fixemos unha entrada neste blog sobre recursos e xogos para traballar a dislexia, por exemplo.

3. Favorecen habilidades sociais e emocionais

A través do xogo, os rapaces aprenden a respectar quendas, a escoitar, a colaborar ou a xestionar pequenas frustracións. Iso tamén é educación, e é esencial para o seu desenvolvemento integral e para a correcta convivencia na aula. Os nenos e nenas tamén poden ter roces cos seus compañeiros de clase e traballar isto permite poder darlle á volta a esas pequenas tensións.

4. Xestionan os tempos da clase de forma intelixente

Nunha sesión longa, ou cando os rapaces xa completaron as tarefas principais, introducir un xogo nos últimos minutos permite consolidar aprendizaxes sen saturación.  Ademais de darlle un pequeno reforzo positivo despois dunha sesións ben aproveitada. Non é “perder o tempo”, senón saber como aproveitalo de xeito diferente.

 5. Cada grupo é distinto, e as clases tamén

Na nosa academia coñecemos ben a realidade de cada neno ou nena, adaptamos os contidos e tamén a forma de traballar. Hai días que toca apretar máis, e outros que a prioridade é conectar emocionalmente e recuperar motivación. Hai pequeno balance que hai que manter para que todo funcione ben a medio e longo prazo.

Para nós, educar é moito máis que dar clases:

É acompañar, motivar e crear un espazo seguro onde cada rapaz ou rapaza poida medrar.
E, ás veces, iso tamén pasa por rir, por xogar… e por aprender facendo.

A importancia de comunicarnos

Sabemos que cada familia ten as súas expectativas e cada neno ou nena as súas necesidades. Se algunha vez tedes dúbidas sobre a nosa forma de traballar, estamos sempre abertas a falar, escoitar e axustar o que sexa preciso.
O diálogo e a confianza mutua entre familias e profesoras son fundamentais para acompañar ben o proceso de aprendizaxe. Un bo entendemento entre adultos é o que máis axuda a que os nenos e nenas se sintan seguros e tranquilos.

Se queres coñecer máis sobre o noso enfoque, ou tes curiosidade polos servizos que ofrecemos, non dubides en contactar connosco.

N’As Curuxas seguimos educando coa cabeza… e co corazón.

Máis artigos

Deixa un comentario