Os estudantes que son lectores habituais teñen unha serie de vantaxes fronte aos que só len os libros de lectura obrigada da escola. A lectura ofrece toda unha serie de beneficios cognitivos que te poden axudar a render mellor na escola, instituto ou universidade. Porén, estes beneficios acompañarante toda a vida e terán efecto en todas as áreas da túa vida.
- Amplías o teu vocabulario
- Ao ler aprendes o significado de moitas palabras novas, o que vai ampliar a túa base de coñecemento.
- Exprésaste mellor
- Ler axúdache a asimilar estruturas elaboradas para transmitir ideas, sumado ao vocabulario novo que vas adquirindo, permíteche ter un gran potencial á hora de transmitir ideas. Isto axudarache a mellorar a puntuacións nas redaccións, traballos e exames da escola. Pero tamén che vai ser útil no mercado laboral ou á hora de contar algo por WhatsApp.
- Aumenta a creatividade
- Coñecer todo tipo de historias novas, permíteche imaxinar as túas propias historias. Pode ser buscando un final alternativo para as historias que les, reescribíndoas para poder ser ti participe da historia ou inventando a túa propia historia con eses mesmos personaxes. De todo isto se nutre o mundo do fanfic.
- Mellora a túa memoria
- Seguir a trama dunha novela implica lembrar todos os detalles e acontecementos que o autor ou autora che foron presentando. Isto é moi bo exercicio para o noso cerebro, posto que aínda que sexa un órgano hai que adestralo como se fose un músculo.
- Es máis empático
- Coñecer a realidade doutras personaxes permítenos vivir a vida desde a súa perspectiva. Este exercicio axúdanos a mellorar a nosa empatía e a nosa capacidade de pornos no lugar do outro.
- Concéntraste mellor
- Na sociedade actual estamos baixo milleiros de estímulos de rápido consumo cada minuto do noso día. Estas interaccións rápidas están creando problemas de concentración profunda nunha única tarefa durante un período algo longo de tempo. Cando les con atención obrigas ao cerebro a ter que centrarse na historia e esquecer o resto de estímulos. Ler un pouco todos os días é un bo adestramento para a túa concentración. Isto axudarache á hora de estudar materias cun gran volume de datos, como historia ou literatura, ou materias cun gran número de exercicios, como matemáticas ou física.
- Aprendes cousas novas
- Cada libro que leas aportarache algo novo. Ademais, hai libros de mil temáticas diferentes polo que podes enfocarte en temas do teu interese: historia, animais, amor, costumismo…
Hai moitos motivos para ler un libro todos os días, pero o principal é querer pasar un bo rato. Hai libros de moitos temas, busca aquel que máis che guste e déixate ir!
Lembra que na nosa academia temos moitos libros que che podemos emprestar.