Dia-7_16

III Campamento de verán

Vimos de rematar un mes de moitas emocións. O 30 de xullo finalizaron as dúas quincenas de campamentos relacionadas co medio marítimo. Primeiro dedicámonos ao coñecemento do mundo da piratería desmentindo mitos e descubrindo todo tipo de curiosidades. Logo tratando un tema tan fantástico como o da criptozooloxía, co que puidemos investigar e saber canto hai de certo sobre a existencia de certas especies mariñas, aprendimos que ás veces a realidade supera á ficción.

A nosa pretensión con estes campamentos non só é dar unha saída ás nais e pais traballadores para poder compatibilizar os seus horarios cos dos máis pequenos, senón tamén potenciar e xerar destrezas e actitudes. De entre todas as actividades realizadas, co fío condutor do medio mariño, realizamos manualidades, moito exercicio físico, potenciamos a lectura, a súa expresión oral, realizamos xogos de lóxica e afianzamos os modos de vida saudables. Así, como traballar os valores de convivencia e compañeirismo, creando vínculos de respecto coas persoas que nos rodean.

Queremos crianzas activas mental e fisicamente e pulamos por potenciar a súa imaxinación e creatividade interaccionando dunha maneira respectuosa co medio que nos rodea.

Dende todo o equipo que formamos As Curuxas queremos agradecer todo o agarimo mostrado polas familias, así como o interese xerado.

Vémonos no seguinte campamento!


Máis artigos

Deixa un comentario