Un dos primeiros temas que se repasan á volta do verán, tanto en primaria como nos cursos máis baixos da ESO, son os números romanos. Así que decidimos axudarvos a lembrar como hai que traballar con eles.
O fundamental é ter claro o valor de cada letra, porque a partir diso poderemos facer todas as operacións e cálculos para poder deducir calquera número que nos propoñamos. Así, temos que:
- I= 1
- V= 5
- X= 10
- L= 50
- C= 100
- D= 500
- M= 1000
Unha vez que nos sabemos os valores das letras temos que aprender as normas básicas. Son moi poucas e moi sinxelas, a verdade, polo que non vai supor ningún problema.
Os números escríbense de esquerda a dereita e de maior a menor.
Isto quere dicir que se temos que escribir o número 324 comezaremos polo 3, despois o 2 e por último o 4. Ou o que é o mesmo, primeiro escribimos as centenas, despois as decenas e por último as unidades.
Hai letras que poden repetirse e outras non
As letras I, X, C e M poden repetirse ata un máximo de tres veces.
As letras V, L e D non poden repetirse.
As letras teñen que ir de maior valor a menor valor.
Hai certas letras que se poden escribir sen respetar esta norma. Iso faise para indicar que hai que restar o seu valor á seguinte letra. Deste xeito se temos escrito, IV estamos indicando que hai que restarlle 1 a 5 e que temos un 4.
As letras que poden restar son: I, X e C. I pode restarse a V e X, para facer o 4 e 9. X pode restarse a L e C, para facer o 40 (XL) e o 90 (XC). C pode restarse a D e M, para facer o 400 (CD) e o 900 (CM).
Deixamos un vídeo onde resolvemos unha serie de exemplos para que todo quede máis claro.