Matematicas

Obradoiro de matemáticas ludo-educativas

Os ábacos son un elemento das matemáticas ludo-educativas

Levamos dous cursos académicos,  en Allariz, traballando con nenos de todos os cursos académicos. Desde primaria ata 2º de bacharelato. E, aínda que traballamos con case todas as materias, hai unha que se repite moito: as matemáticas.

Desde cursos moi baixos é unha materia que esperta frustración e manía entre os nenos e nenas. Unha situación que cando comeza en primaria senón se corrixe pode arrastrarse durante toda a secundaria. Estudantes que se pasan das ciencias ás ramas de ciencias sociais ou humanidades só por escapar das matemáticas ou da física e química. É dicir, das materias con números e operacións matemáticas máis complexas.

Este último curso académico, chegaron a nós -antes do confinamento- nenos e nenas de primaria con serios problemas coas multiplicacións ou a resolución de problemas matemáticos. Todo isto acompañado con sentimentos de frustración, derrota e rexeitamento pola materia. Pero, por que se dan estas situacións?

As matemáticas son abstractas, é unha ciencia que cando se lle presenta aos nenos en primaria trata de conceptos non tanxibles. Isto é realmente o que dificulta unha correcta aproximación dos estudantes con ela. Un neno de 7 anos ten serios problemas para entender o que é unha multiplicación e a súa utilidade na súa vida. Só sabe que ten que memorizar as táboas de multiplicar e despois aprender a base de ensaio- erro como resolver os problemas de matemáticas que lle presentan os seus mestres. A capacidade de abstracción nas persoas comeza a desenvolverse a partir dos 11-12 anos.

Podemos abordar isto de outro xeito? Si, cunhas matemáticas ludo-educativas tamén chamadas manipulativas, traballando o razoamento lóxico para que eses coñecementos perduren ao longo do tempo. A idea central deste tipo de enfoque pedagóxico é presentar o concepto abstracto con materiais que sexan tanxibles para os nenos e nenas. Deste xeito poderán ir do concreto cara o abstracto e interiorizar moito mellor ese novo saber. Con isto estamos a construír unha base moito máis sólida e que lle permitirá progresar mellor nos vindeiros cursos académicos.

Por iso, este curso decidimos dedicar unha hora á semana a este tipo de enfoque. Unha hora onde os nenos e nenas poidan aprender mediante xogos a enfrontarse a problemas. Que entendan que están aprendendo, indo do concreto cara o abstracto. Por que non ter este enfoque a diario? Porque a principal demanda que hai é a resolución de deberes e a preparación dos exames e controis, isto dificulta poder desenvolver este tipo de técnicas de aprendizaxe. Unha hora dedicada só a isto garante que os nenos e nenas poidan entender o novo proceso de aprendizaxe e comezar a aplicalo o resto do tempo. Permítenos, ir construíndo coñecemento en función das necesidades do neno/a e non dos deberes que nos mandan. De que nos serve avanzar ata as divisións se non temos claras as multiplicacións? De que nos serve ter que cambiar de tema, se somos incapaces de resolver un problema? Con esta hora queremos crear un espazo sen interrupcións. Ademais, para todo isto fan falla materiais manipulativos, é dicir, que os nenos teñan que tocar. Unha tarefa moi complexa en tempos de covid-19. Con esta hora, poderemos garantir que iso non sexa un problema con material individual para cada neno e nena. Ao remate desa hora será apartado unha semana para que en caso de ter algo pase unha corentena preventiva. Construíndo un entorno seguro para aprender.

Se queres máis información non dubides en poñerte en contacto con nós.

Máis artigos

Deixa un comentario