O libro do mes: Os nenos da variola

O libro do mes 3: Os nenos da variola

O libro deste mes é a novela Os nenos da variola de María Solar.

Presentación da novela

  • Nome do libro: Os nenos da varíola
  • Nome do autor: María Solar
  • Editorial: Galaixa (Costa Oeste)
  • Edición: 1ª edición
  • Páxinas: 204

Sobre a autora da novela

María Solar nace en Santiago de Compostela en 1970. Estudou Xornalismo en Segovia e Bioloxía e Maxisterio en Santiago. Traballa como xornalista e escritora. É coordinadora de cultura da CRTVG e presenta o programa ZigZag na Fin de Semana na TVG. Ten unha ampla bagaxe no mundo audiovisual, con experiencia tanto en radio como televisión e tamén colaborou con prensa e revistas.

A súa obra literaria é tan prolífica como a súa formación, conta con máis de 10 novelas propias e con varios libros de colaboracións. As súas novelas foron traducidas ao castelán e ao catalán. Ademais, de a outros idiomas máis internacionais como pode ser o polaco ou o chinés.

Portada do libro Os nenos da variola de María Solar.

De que trata a novela?

É unha novela histórica que ficciona uns sucesos que foron reais. A comezos do século XIX, o rei Carlos IV sufragou unha expedición sanitaria ata América para transportar a vacina da variola. A expedición foi dirixida polo médico da corte, o doutor Balmis, e partiu do porto da Coruña en novembro de 1803. Na corveta viaxaba a reitora da Casa de Expósitos da Coruña, Isabel Zendal.

A novela relata como puideron ser a vida destes personaxes meses antes da partida da expedición.

Opinión persoal

En primeiro lugar, hai que comentar que a sinopse do libro non fai moita xustiza á novela. A sinopse, sitúanos nunha travesía a través dun mar hostil con 22 nenos a bordo, “que grazas a este libro, xa non serán [anónimos] nunca máis”. Este resumo podería darnos a entender que a travesía e o destino dos tripulantes é o que se narraba no libro. Nada máis lonxe, posto que o libro remata ao levantar ancoras a corveta do porto d’A Coruña.

As personaxes son interesantes, aínda que é a personaxe de Ezequiel a que serve como fío condutor para poder enfiar e encamiñar todos os feitos históricos que tiveron lugar. Para poder entretecer ficción e realidade, apréciase un bo traballo de documentación. A autora consegue crear unha boa atmosfera, detalla e realista, que consegue transportar ao lector á Galiza de comezos do S.XIX.

Un bo exemplo disto é a crueza coa que relata as condicións de vida dos expósitos, a visión que tiña a sociedade deles, a dureza e disciplina á que eran sometidos na Casa de Expósitos. Porén, a pesar da frialdade que mostra a personaxe de Isabel Zendal sobre cuestións complexas como pode ser a elevada mortaldade dos nenos/as, a autora consegue construír unha personaxe complexa que vive con angustia as contradicións de ter man dura coas crianzas para manter a orde e a empatía e cariño que desenvolve por eles/as.

É unha boa novela para introducirte na Galiza do Século XIX e poder investigar e falar da realidade socioeconómica da época. Nós, por exemplo, cremos que despois do libro sería moi interesante escoitar o episodio de “Acontence que no es poco” que fala sobre esta expedición. Investigar sobre o papel da Inquisición en España en pleno 1800 ou afondar sobre a realidade das Casas de Expósitos.

Non esquezas botarlle un ollo ao resto de propostas do libro do mes: Para toda a vida e 48 horas

Máis artigos

Deixa un comentario