2

Unha reflexión sobre a lingua galega

A min non me gustan as palabras en galego

Crianza de 7 anos

Con esta frase dunha crianza de 7 anos comezaba no campamento de verán un debate que non fai máis que reflectir a situación tan particular pola que a nosa lingua está a pasar.

Todos sabemos que o galego perde falantes, pero somos tan conscientes do odio e da posición que ten o idioma socialmente? Outra persoíña de 10 anos razoaba que se unha persoa fala castelán e outra galego, esta última tiña a obriga de aprender castelán. Parécenos que  pouco se ten falado do autoodio que temos; avergóñanos que os nosos avós non saiban falar ben castelán, pensamos que o galego non ten tantos dereitos como outro idioma ou consideramos que gran parte do idioma é inventado.

Pode que teñamos un problema de identidade ou unha inseguridade pandémica. O certo é que cando dous idiomas conviven vai existir un maioritario e outro minoritario a nivel de falantes, pero aquí sufrimos un grave problema de diglosia. O castelán conta cuns privilexios polos cales rexeitamos que o galego poda existir de maneira fluída e natural en todos os contextos da vida, perdendo así, usos e dereitos. O máis preocupante é asumir a falsa idea da liberdade de elección. Non é casualidade, nin feito democrático, que os galegos non falemos a nosa propia lingua.

O que deberíamos como pobo aprenderlle ás seguintes xeracións é que o saber non ocupa lugar, que a multiculuralidade só da riqueza e que saber idiomas e coñecer culturas só nos aporta sabedoría. O único que nos pomos son escusas e barreiras que deberíamos afrontar e todo isto estámosllo a transmitir aos nosos pequenos/as.

Coidemos a nosa lingua e non a deixemos morrer, ensinémoslle ás vindeiras xeracións o respecto e a riqueza de poder describir a realidade cun idioma que se formou e foi construído por e para o noso entorno. Como dicía Castelao “se aínda somos galegos e por obra e gracia do idioma”.

Saber varias linguas só aporta saber. É unha vantaxe, nunca un inconvinte.
O galego é unha ferramenta. Cantas máis ferramentas se ten, mellor afronta un a vida.

Máis artigos

Deixa un comentario